Quen comece a ler a  Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia” atopará na súa motivación  unha tríada de boas intencións

“Esta lei nace coa finalidade de asegurar a xestión responsable dos recursos naturais de Galicia de maneira que se protexa o ambiente, se cree riqueza e a riqueza creada impacte no territorio”

A intención de “protexer o medioambiente” dificilmente casa con incluir o impacto económico e social dentro do impacto ambiental. Precisamente vai conseguir sepultalo cun montón de indicadores absurdos e repetitivos, deseñados á medida das empresas promotoras, como viamos na entrada anterior.

E que hai da noble intención “crear riqueza e que a riqueza creada impacte no territorio”?

Tradicionalmente úsase o PIB como indicador da riqueza dun territorio, ao ser unha magnitude económica que resume o volume de actividade produtiva nun espazo (concello,comarca, Comunidade..) e nun período de tempo determinado. Así, no ano 2020, ultimo dato dispoñible, os tres primeiros concellos a nivel galego considerando o PIB/habitante  foron Muras, Carballeda de Valdeorras e Vilariño de Conso.

En Muras, un pequeno concello do norte lugués, a riqueza xerada en 2020 no seu territorio, dividida entre os seus habitantes tocaríalle a 88.338 euros por habitante!! Máis de 4 veces a media galega!!. Séguenlle Carballeda de Valdeorras  con 84.201 euros por habitante, e en terceiro lugar Vilariño de Conso  con  67.904 euros por habitante.

Son cifras insólitas e mareantes, por qué sucede?

Son concellos nos que se xera un valor moi elevado froito da explotación dun recurso natural: eólico en Muras, mineiro (pizarra) en Carballeda de Valdeorras e enerxético (embalse) en Vilariño de Conso .

Teñen un enorme PIB, pero, cal é o impacto desa enorme riqueza creada no propio territorio?

Se analizamos a renda dos fogares (RBD), que fixa o foco nas rentas das persoas que residen nese territorio, todos caen por debaixo da media galega

En Muras a renda por habitante foi de 11.878 euros por persoa, non alcanza a media galega (tería un índice de 75,6 sendo Galicia 100).  En Carballeda de Valdeorras ,10.210 euros por habitante (67,2 sendo Galicia 100). E aínda peor para Vilariño de Conso que apenas alcanza a metade media galega (55,3 sendo Galicia 100) con só 8.691 euros por habitante no 2020

Eso significa que ese PIB non ten como destino ós fogares dese territorio. O PIB só mide a riqueza creada, non canta dela queda alí, no territorio onde se xera. Por ese motivo o PIB non é un bó indicador para medir o benestar nestes casos, sendo moito máis atinado a RBD

Sen embargo PIB e Exportacións ( e non RDB) son dous dos indicadores incluídos no anteproxecto de lei para avaliar o impacto económico

  • j) contribución e crecemento do PIB no ámbito local e/ou autonómico
  • m) cifra prevista de exportación anual media

(Artigo 5.2, apartado j) e m))

Toda a lista de indicadores semella pensada para medir o impacto económico á medida das empresas promotoras.

A Real Academia Galega  (RAG) define espoliar como

“Privar [alguén ou unha entidade] de algo que lle pertence dun xeito inxusto e violento” e propón como sinónimos: saquear, desposuír, despoxar e roubar.

Prados da Reigada, (Arinteiro , Loxo) que quedarían sepultados pola balsa de lodos de saír adiante “Proyecto Touro”

Exportar materias primas e enerxía non é propio dun país desenvolvido, é propio dunha colonia que abastece a súa metrópole, engordando contas de resultados de empresas alleas mentras os custos ambientais quedan aquí.

Pode que nestes intres a túa casa e a túa forma de vida non esté ameazado por un proxecto mineiro, eólico…pero, éste é o modelo económico que queres para o teu país?

Alega, deixa a túa achega no portal de transparencia ata o 6 de xuño. Aféctanos a tod@s

3 respostas a “Espolio”

  1. […] Como vimos informando está en exposición pública para recibir achegas a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. E o período está a piques de rematar: dende o 12 de maio ata o 6 de xuño, segundo se indica no portal de transparencia. É unha lei que afectaría singularmente á tramitación de proxectos mineiros, de produción de enerxía a partir de fontes renovables e aos que fan un uso intensivo da auga. eólicos, podes informarte mellor en entradas anteirores aquí ou aquí. […]

    Gústame

  2. […] Non é unha teima nosa, demóstrano os datos dos territorios onde se implantaron algún destes macroproxectos, sexan eólicos, como no concello de Muras, mineiros como no de Carballeda de Valdeorras, ou a explotación enerxética dun embalse, como en Vilariño de Conso . En calquera deles a diferencia entre a riqueza creada no concello (PIB por habitante) e a que realmente desfrutan os veciños da bisbarra (renda disponible por habitante, RBD) é abismal, como xa avanzábamos nesta entrada […]

    Gústame

Deixar un comentario