A loita

A nosa loita por dicir alto e claro NON á mina de Touro – O Pino levounos moi lonxe.

Pero queda moito por facer, e precisamos o apoio de persoas coma ti.

Que fixemos para parar esta mina?

Tras a presentación do Proxecto Touro, en agosto de 2017, abriuse un período de exposición pública e alegacións.

Os veciños tivemos un mes para alegar contra un proxecto de miles de folios. Aínda así, foron presentadas unhas 1.500 alegacións contra ese proxecto mineiro.

Diversas entidades e asociacións tamén presentaron alegacións:

  • Concellos de Touro e O Pino.
  • Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega, Adega, etc.
  • Distintos departamentos da Administración autonómica implicados na avaliación do proxecto (Augas de Galicia, Medio Rural, Sanidade, Medio Ambiente, Instituto de Estudos do Territorio).
  • Instituto Geológico Minero Español.

Os informes puxeron sobre a mesa moitas eivas, puntos escuros do proxecto e graves afectacións ó medio ambiente, no caso de levarse a cabo.

A pobre resposta da empresa ás alegacións contra o seu proxecto

Sería en setembro do 2018 cando a empresa dou resposta ás alegacións. Quedaron recollidas no documento Actualización del Proyecto Touro.

Lonxe do seu nome, resultou ser unha documentación repetitiva e farragosa, que non resolve moitas das cuestións plantexadas.

No fondo era prácticamente o proxecto inicial. Isto conduciu a que se volvesen a presentar novas alegacións.

Recentemente o Defensor del Pueblo emitiu un duro informe poñendo de manifesto non só os puntos escuros do proxecto, senón tamén da “restauración” da anterior explotación, así como as dificultades atopadas no acceso á información.

A mobilización veciñal

A necesidade principal é a de espallar a información á que ímos chegando. Cómpre facer ver á sociedade as verdadeiras dimensións do proxecto.

Por iso, dende a veciñanza, sempre en loita:

  • Puxéronse mesas informativas en moitísimas feiras, festas, prazas, etc. da contorna, na que os veciños informaban.
  • Realizáronse moitas charlas informativas en Centros Cívicos e espazos de divulgación. Contamos con membros da plataforma e tamén con expertos do eido científico.
  • O cineasta Xose Antón Bocixa estreou un documental alá por marzo (“A ameaza do cobre”). Outros colectivos como Lentes Diverxentes tamén aportaron a súa visión nun documental. Podes atopar estes documentais na pestana “Recursos”.
  • Contactouse con organizacións cunha problemática similar ou cunha especial sensibilidade cara o noso problema: Contraminacción, Plataforma pola defensa da Ría, Rede de Plataformas Compostela Ulla Tambre e un longo etcétera. Porque a mina é un problema que ten moito en común con outras loitas.
  • Moitos concellos da contorna de distintas cores políticas foron aprobando mocións de rexeitamento ao proxecto nos seus plenos. A día de hoxe 44 concellos e 2 deputacións apoiaron a moción contra o Proxecto Touro de reapertura da mina.
  • Xunto á Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre participamos no documental “Redes contra a política do espolio”, tamén de Xosé Antón Bocixa, no que se relatan diferentes ameazas medioambientais que se cernen sobre a cunca do Tambre e do Ulla.
  • Viaxamos a Europa, en maio de 2018 invitados por Compromiso por Galicia, e tamén en marzo de 2019 xunto coas plataformas que compoñen a Rede Compostela-Ulla-Tambre e outras, invitados pola eurodeputada Lidia Senra, para expoñer alí as nosas problemáticas.
  • Reunimonos con tódolos grupos políticos do Parlamento Galego. Varios grupos (En Marea, BNG) presentaron innumerables propostas relativas ao noso problema. Tamén co secretario de Estado de medioambiente, o socialista Hugo Morán.

A nosa loita aínda implicou máis

Recollemos 26.000 sinaturas en papel e case 70.000 persoas asinaron dixitalmente unha petición para deter o Proxecto Touro.

O 25 de febreiro de 2018 realizouse unha primeira gran manifestación-tractorada en Touro. O 10 de xuño de 2018, as voces unánimes de milleiros de persoas  escoitaronse en Santiago de Compostela nunha manifestación histórica e multitudinaria.

Tras case dous anos, a Xunta de Galicia aínda non resolveu.

Por iso, a a veciñanza segue en loita. Neste tempo foron moitas as voces que acompañaron a nosa para dicir “NON Á MINA”, e tamén precisamos a túa.