O proxecto

Somos veciñanza que loita contra unha mina.

Queren instalar esa mina moi preto das nosas casas. Isto ameaza directamente a nosa forma de vida, e tamén o medio ambiente de Galicia.

O día 25 de agosto do 2017 publicouse no DOG o Proxecto Touro, que busca reabrir e ampliar unha mina de cobre a ceo aberto nos concellos de Touro e O Pino pechada dende os anos 80.

A mina de cobre a ceo aberto en Touro – O Pino

O promotor do proxecto é Cobre San Rafael, unión da local Explotaciones Gallegas e da multinacional Atalaya Mining.

De saír adiante, este proxecto mudará para sempre a paisaxe e medio de vida de Touro e O Pino. Hai que paralo porque:

  • Supón explotar case 700 hectáreas, pero só 200 son terreos da mina vella. O resto son terreos agrícolas e forestais.
  • Implica voaduras diarias con explosivos, transportar, moer a pedra e utilizar produtos químicos para separar o mineral da rochas. Unha tremenda afección para a calidade de vida das persoas e ó medio ambiente en xeral.
  • Adeus a moitas traídas de auga (particulares e municipais). Desvíanse os regatos do Burgo e Pucheiras. Moldéase a natureza, a nosa terra, ó capricho do proxecto.

Cremos que todo isto é argumento suficiente para dicir NON á mina. Por desgracia, hai moito máis.

Aldeas galegas pechadas entre escombreiras e balsas de lodos

A aldea de Arinteiro (Loxo, Touro) quedaría encaixonada entre un depósito de estériles e unha enorme balsa de lodos, situadas só a uns 200 metros.

Imaxinades vivir cercados por balsas e escombreiras da altura das torres da catedral de Santiago?

Pero o máis grave é que:

  • Non hai descrito no proxecto un plan de evacuación da poboación en caso de rotura.
  • Nese caso, moitas outras aldeas verínse afectadas, val abaixo, ata chegar ao Ulla e finalmente á ría de Arousa, provocando un gravísimo desastre.
  • Aínda finalizada a explotación mineira, as balsas e os seus contidos tóxicos van quedar para sempre ao carón das nosas casas. Unha herdanza envelenada.

Este proxecto sitúase nunha zona cun sector agrogandeiro desenvolvido, vivo e con relevo xeneracional.

Un sector agrogandeiro que si é sostible, que move o tecido económico local e fixa poboación no rural…. e que sufrirá o peche das explotacións máis próximas e fortes afeccións nas máis distantes.

O dano ó Camiño de Santiago

A explotación está moi cerca do Camiño de Santiago na penúltima etapa do Camiño francés antes de chegar a Compostela (Pedrouzo, O Pino). A menos de medio kilómetro da área de respecto do Camiño.

Albergues, pensións, bares… son outro motor económico local e veranse afectados pola proximidade da explotación mineira. Os peregrinos non se sentirán atraídos pola “beleza” da minería.

E todo esto a cambio de qué? Dos 400 postos de traballo por 14 anos que promete (pero non xustifica) o proxecto? E cantos se perderían?

Esiximos que se deteña esta tolería. Máis alá dos nosos intereses como veciños, non queremos ver o patrimonio histórico, natural e cultural estragado.

Non queremos que a nosa sexa a crónica dun desastre medioambiental anunciado.