No DOG do pasado día 5 de outubro publicábase o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública a petición de autorización por parte da empresa Explotaciones Gallegas (EXGA) dun punto de verquido dun caudal máximo de 1.44hm3/ano de augas industriais depuradas ao regato Pucheiras, tributario do Brandelos, que o é , a súa vez do Ulla. As ditas augas industriais proceden dos terreos da vella mina e de empresas que desenvolven a súa actividade neles.
O DOG indicaba o consabido prazo de 30 días dende o día seguinte ao da publicación (o venres 6) e remitía a a páxina web de Augas de Galicia para que calquera persoa interesada puidese consultar a información….pero nin o venres 6, nin os seguintes días, esa documentación foi posta a disposición da cidadanía, mentras o xa escaso prazo estaba transcurrindo.

Cando o luns 9 se chama a Augas de Galicia, e tras peregrinar por distintos teléfonos, maniféstasenos “sorpresa” porque a documentación non esté onde debería, e indícasenos que ao longo da mañá tratarán de remedialo. É máis, houbo que chamar novamente porque nun primeiro momento publicaron restrinxindo o prazo a 30 días naturais, no canto de 30 días hábiles.

Queremos manifestar o desamparo que como cidadáns sentimos cando somos nós os que temos que estar sempre vixiantes de que se garantan os nosos dereitos, de que haxa transparencia, de que se cumpran os prazos, eses que as sucesivas leis nos foron recortando e que o desleixo da Administración parece querer recortar aínda máis.
Por fin a documentación está colgada na páxina web de Augas de Galicia (podes consultala aquí), pero segue indicando un prazo que está a transcurrir dende o venres 6. Así, dos días que como cidadáns deberíamos dispor para consultar a documentación e poder facer as alegacións quedan reducidos case nun 10%, xa que perdemos 3. Consideramos que esto conculca os nosos dereitos e contravén o prazo marcado pola lei, polo que debe haber unha rectificación por parte da Administración: o prazo ten que contar dende que a Administración puxo a documentación a disposición da cidadanía para ser consultada.

Deixar un comentario