Día si e día tamén atopamos algún artigo de minería na prensa, precisamente nesa na que raramente lemos nada relacionado coa nosa loita veciñal. E, por suposto, incluíndo un párrafo adicado ás reservas de Touro e o Pino e a necesidade de explotalas… iso nunca falta!
Este luns 16, o xornal La Voz de Galicia publicaba o que, a priori, semellaba un dossier informativo sobre a situación da minería na provincia da Coruña. “La minería emplea en la provincia de A Coruña un millar de trabajadores en 72 centros”, rezaba o título, citando datos da Cámara Mineira e sacando peito da importancia do sector na provincia

Coñecendo de que pé coxean, cumpría contrastar cos datos oficiais, e ahí verificamos que información ofrecida non é certa: son os datos de 2011, están desfasados máis dunha década!.
No 2011 había na provincia 75 explotacións que daban emprego a 963 persoas, unha información compatible coa ofrecida polo xornal, pero unha década despois son unicamente 52 explotacións e dan traballo 661 persoas. O descenso afecta tamén ao valor da produción, que xa non ronda os 70 millóns de euros como afirmaba a publicación, senón os 62 millóns

Os datos do 2021, os últimos dispoñibles, son un 30% inferiores tanto en número de explotacións como en emprego respecto dos que publica o xornal, relativos ao 2011. E a caída é de case un 50% en número de explotacións e dun 64% en emprego dende o ano 2000.


Esa é a a situación real das explotacións mineiras na provincia da Coruña no que vai de século. A pesares do apoio institucional, das modificacións lexislativas, das campañas publicitarias incluso nos centros educativos … a realidade é tozuda e os datos non son para sacar peito.
Unha realidade configurada na súa maioría por pequenas canteiras: 662 traballadores distribuídos en 52 explotacións indican unha media aproximada de 13 traballadores por explotación. Unha tipoloxía moi alonxadada macro explotación que se quixo promover nos nosos concellos.
Non hai explotacións mineiras en Touro e O Pino
Curiosamente Touro e O Pino non son incluídos na listaxe de municipios con actividade mineira. O artigo cita “Los municipios que acogen actividad minera son A Laracha, Arteixo, As Pontes, Boiro, Ferrol, Mazaricos, Mesía, Moeche, Ordes, Ortigueira, Santa Comba, Santiago, Valdoviño y Vimianzo”
Sempre insistimos en que a actividade mineira cesou a finais dos anos 80, cando rematou a actividade extractiva do cobre. Fronte a esto, o relato da empresa porfiou no suposto aproveitamento continuado de áridos das escombreiras … tal vez porque recoñecer o parón suporía a caducidade dos dereitos mineiros.
Dubidamos se neste punto tiveron un arranque de sinceridade ou dixeron a verdade sen querer … aínda que os datos incluídos no artigo e afirmacións como “En el ADN de los mineros está la conservación ambiental, la restauración y el aprovechamiento de los terrenos, una vez explotado el recurso geológico, para futuros usos.” non deixan moito marxe á esperanza.
Artigos coma este son un exemplo da imaxe irreal, distorsionada e edulcorada que se pretende achegar deste sector. A maquinaria para darlle pulo e crear un sentimento favorable na opinión pública, está continuamente en marcha.

Deixar un comentario