Neste 25 de xullo, celebramos o día de Galicia dicindo “non” aos proxectos que non crean riqueza no noso territorio, aqueles que deixan aquí enormes impactos ambientais mentres levan os beneficios fóra.

Non é unha teima nosa, demóstrano os datos dos territorios onde se implantaron algún destes macroproxectos, sexan eólicos, como no concello de Muras, mineiros como no de Carballeda de Valdeorras, ou a explotación enerxética dun embalse, como en Vilariño de Conso . En calquera deles a diferencia entre a riqueza creada no concello (PIB por habitante) e a que realmente desfrutan os veciños da bisbarra (renda disponible por habitante, RBD) é abismal, como xa avanzábamos nesta entrada
Por rescatar só un dos exemplos, en Carballeda de Valdeorras o PIB/hab foi de 84.201 euros por persoa, pero a renda disponible cae ata só os 10.606 euros /hab no 2020. Soportan os custos ambientais, pero a riqueza que se xera no territorio non queda na súa maioría para as persoas que o habitan. Xeran moitos cartos, pero repártense nos parqués das Bolsas nas que cotizan as multinacionais que os promoven
Apostar por este tipo de proxectos supón ademáis un custo de oportunidade no desenvolvemento dos territorios.
Se collemos os datos da Renda bruta disponible por habitante neses tres concellos e comparamos coa media galega (asignando o índice 100 a Galicia), vemos que ningún dos tres concellos alcanzaba a media galega en 2010: Muras situábase no 80,6, Carballeda no 80,2 e Vilariño no 60,5, todos eles por debaixo do índice 100 asignado a Galicia, e algún deles como Vilariño bastante afastado.

Unha década máis tarde, en 2020, todos empeoraron aínda máis a súa posición respecto á media galega, situándose en valores cada vez máis afastados dela. Así, comparando co índice 100 asignado ao valor galego en ambos anos:
- Muras (eólicos), baixou do 80,6 ao 75,76
- Carballeda de Valdeorras (minería), baixou do 80,2 ao 67,2
- Vilariño baixou do 60,5 ao 55,4, ( é dicir, a renda bruta dos seus habitantes é prácticamente a metade da media galega)
Estes proxectos non están contribuíndo ao desenvolvemento dos territorios nos que se asentan, son un lastre, xa que as rendas dos seus habitantes diverxen cada vez máis da media galega. Por utilizar a mesma linguaxe que empregan os seus promotores, non son “proxectos tractores”, máis ben convirten os lugares nos que se asentan en “territorios de sacrificio” que están soportando dunha maneira desproporcionada os custes de ambientais.
Bombardéannos con publicidade na que todos estes proxectos son verdes e sostibles, na que non podemos deixar de pasar a oportunidade de subirnos á cuarta revolución industrial, na que hai que facer a transición cara unha economía descarbonizada e Europa precisa metais e enerxía verde….bla, bla, bla… a miúdo o mesmo discurso do goberno se alinea co das multinacionais…qué lles importa sacrificar algún peóns e algúns territorios?
Deixámosvos un interesante artigo que aborda a cuestión do extractivismo en aras desa suposta “autosuficiencia enerxética e produtiva”, e pedimos o voso apoio e alento para todos aqueles que como a nós, o sacrificio tócanos moi preto

Deixar un comentario