Dos derradeiros párrafos do anuncio publicado no DOG do 22 de novembro, polo que se somete a exposición pública o proxecto de Cobre San Rafael, parece desprenderse que pode haber máis bens afectados que os incluídos na xa extensa listaxe

Isto faise público para coñecemento xeral e particular das persoas propietarias dos predios que figuran na relación anexa a este acordo, así como das persoas titulares de dereitos reais ou intereses económicos sobre os bens afectados que fosen omitidos

Botando a vista atrás, cando o 24 de xuño o goberno o declarou estratéxico, indicábase que “O proxecto de explotación abarca unha superficie de 812 hectáreas…”. Cabe preguntase logo cál é a suma das superficies dos 953 bens incluídos para Touro, e os 826 para O Pino.

A superficie dos bens afectados incluídos na listaxe do DOG concorda coas 812 Ha anunciadas?

Tal como aparecen publicadas no texto do anuncio do DOG, a suma ascende a 6.696.486 m2 (669,65 Ha), co que a priori parece que si faltarían bens por incluír. Cunha ollada máis en profundidade, rápidamente afloran datos sospeitosos de non seren correctos. Así, o último ben incluido na lista para o Concello de Touro (número 953, ref. cat. 000400300NH54E ) aparece no listado coa área en branco:

Se localizamos esa referencia catastral na web do Catastro atopamos unha finca de 1.723.670 m2 (máis de 172 hectáreas!!) que se corresponde aproximadamente coa zona da Corta de Bama


Completando esa cela na listaxe de bens, o cómputo de hectáreas afectadas ascendería a 669,65+172,37=842,02 Ha…que xa excede as 812 anunciadas!! Pero a simple vista a listaxe contén máis datos “estraños” como fincas con escasíssima superficie. Por exemplo, o ben 621 do Concello de Touro aparece no listado con apenas un metro cadrado de superficie:1,12m2

Se novamente facemos a comprobación da superficie coa que consta no Catastro atopamos que son 1120m2

E se acudimos á capa do visor da cartografía da Xunta, localizamos a finca e a “medimos” de forma aproximada atopamos unha superficie coherente co Catastro:

Isto sucede con alomenos 49 bens incluídos na listaxe para o Concello de Touro que siguen o patrón anterior, a maioría con superficies ridículamente pequenas que ao consultar en Catastro se multiplican por 1000: 1.120 m2 en vez de 1,12 m2, 6.520m2 en vez de 6,52m2 etc…. Feitas esas correccións a superficie afectada ascendería a 9.147.025m2, é dicir 914,7 hectáreas!!!…

Non obstante, é imposible afirmar con rotundidade que esa sexa a cifra final correcta, xa que tamén se atoparon, sen realizar unha busca exhaustiva, referencias catastrais, que segundo a web Catastro, non se corresponden con ningún ben: por exemplo o número 180 da listaxe de Touro. Esa superficie habería que detraela do cómputo total….ou cambiala polas fincas correctas se é que se trata dun erro…

A superficie afectada aproxímase ás 1000 hectáreas?

Algúns informes da propia empresa ofrecen esa cifra, así o informe técnico de prefactibilidade do “Proxecto Touro” elaborado por Alan C.Noble para Atalaya Mining confirma unha dimensión real do proxecto de 1060 hectáreas ( compre lembrar que a superficie afectada na actualidade pola mina dos 70-80 é dunhas 520 hectáreas, polo que prácticamente se duplicaría)

El Proyecto tiene un área de influencia de aproximadamente 1.060 ha, mientras que el total de derechos mineros (investigación y explotación) de la concesión cubren un área de aproximadamente 2.744 ha.

Un resumo deste infotme pode atoparse neste artigo de prensa

Alan C. Noble, enxeñeiro e propietario de Ore Reserves Engineering, con sede en Colaborado (USA), é autor habitual deste tipo de informes de prefactibilidade. A superficie que proporciona no seu informe está en consonancia coa que se obtén da listaxe do DOG tras efectuar as correccións daqueles erros máis avultados. Polo tanto, pode estar ocultándose á cidadanía as verdadeiras dimensións do proxecto que se achegaría as 1000 hectáreas

Urxe unha rectificación rigorosa da listaxe publicada, que está plagada de erros, e constitúe unha falta de respeto á veciñanza: por riba de que se pretenda expropiar os seus bens teñen que andar escudriñando se a súa leira está incluída ou se a superficie que consta é a correcta, etc. Doutra banda é totalmente impropio dun proxecto “altamente tecnolóxico” “deseñado en base á excelencia e as mellores técnicas dispoñibles segundo o calificaban os seus promotores na prensa

Tan ben deseñado está que nen sequera ten delimitado a cantas hectáreas afecta?

Deixar un comentario