Domingo 8, feira en Arzúa. E sendo case Nadal, unha das grandes. Alí nos achegamos para informar acerca do proxecto de Cobre San Rafael, agora en exposición pública, para que quen quixera puidera presentar alegacións. Dende aquí temos que dar as grazas porque atopamos solidariedade e empatía, e moita xente que rexeita ese proxecto que nos queren impor.

Un proxecto que afecta sobre todo aos concellos de Touro e O Pino (comarca de Arzúa), pero tamén a outros da comarca como Arzúa e incluso Vila de Cruces (comarca do Deza), pola liña de alta tensión que pretenden traer directamente dende o embalse de Portodemouros.

Nesta comarca o sector primario ten moito peso: no 2020 o 28,5% de toda a riqueza que se creou na comarca de Arzúa proviña do sector primario, 5 puntos máis que no 2010. Só un 0,1% corresponde á industria extractiva. Si, liches ben, de cada 100 euros, o sector primario aporta 28,5 euros e a industria extractiva só 10 céntimos na nosa comarca

A única comarca galega na que as industrias extractivas teñen verdadeiro peso é a de Valdeorras, xa que supoñen o 22,4% da riqueza que se crea na comarca. Pola contra, o peso do sector primario é aí só do 2,2%.

A conclusión é a esperable: ou potenciamos o solo ou potenciamos o subsolo, o sector primario ou as industrias extractivas.

Arzúa aposta polo solo, Valdeorras polo subsolo

E facemos ben. Se analizamos a evolución da renda dispoñible por habitante na nosa comarca nestas dúas últimas décadas, atopamos que na comarca Arzúa prácticamente se duplicou nestes 20 anos (93% de crecemento), mentras que Valdeorras se sitúa nun 68%. E a tendencia estase acentuando nos últimos anos: dende o 2015 Arzúa medrou un 21% e Valdeorras un 11%. E iso coas explotacións pizarreiras abertas… nas rexións mineiras a crise verdadeira ven cando se esgota o recurso.


Véndennos as minas e canteiras como unha forma de dinamizar o rural, crear riqueza e asentar poboación. E non é así: nas dúas décadas de 2000 a 2021 a comarca de Arzúa perdeu un 16,8% da súa poboación fronte ao 12,8% de Valdeorras…pero incluso iso está cambiando, ralentizándose no caso de Arzúa e acentúandose no caso de Valdeorras: dende o 2015 ata o 2021 a perda poboacional xa foi máis acusada para Valdeorras que para Arzúa: -5,3% fronte a -4,7%.

Polo tanto, fronte a eslogans facilóns onde todo é compatible, minería e agro, ou videos máis propios de Barrio Sésamo, subestimando os impactos dunha explotación mineira, a realidade tozuda imponse. E non se trata de aborrecer un desenvolvemento industrial para a comarca, trátase de non facelo a costa de todo o demáis. Por exemplo, hai un enorme potencial na industria agrogandeira, engadindo valor ás nosas materias primas de forma realmente sostible.

Infórmate e alega (alegacións dispoñibles neste enlace) , entre tod@s temos que facerlle fronte!.

Deixar un comentario