A escasas dúas semanas de que remate o tempo no que o proxecto mineiro está en exposición pública non chegan nin as mans, nin o tempo para alegar, informar e facer valer os nosos dereitos.

Esta semana presentamos un escrito ante a Valedora pedíndolle a súa intercesión ante a Consellería de Economía e Industria para que se publique un novo Acordo que someta a información pública o proxecto presentado por Cobre San Rafael. Un texto no que os datos dos bens e dereitos afectados aparezan sen erros nen omisións, que atentan contra o dereito a unha información veraz e completa das persoas e comunidades directamente afectadas e deixanas na indefensión. Consideramos que a documentación actuamente en exposición pública deturpa o preceptivo proceso de información pública por descoñecer, debido a eses erros e ocultacións, datos substanciais susceptibles de alegacións. (Máis información na prensa, aquí, aquí, ou aquí)

Aparte dos erros e omisións en relación aos bens e dereitos afectados pola explotación e subsceptibles de seren expropiadados da que alertabamos aquí, hai documentos en exposición pública que están en branco, como son o Informe de Solvencia Económica e Financeira ou o Informe de Solvencia técnica da empresa. Ambos deberían conter información substancial para valorar o proxecto. Non só por coñecer a capacidade da empresa para levar adiante o seu proxecto de explotación da mina, senon para coñecer as garantías económicas, financeiras e técnicas que garantan a adecuada asunción de responsabilidades no caso de prexuízos para o medio ambiente como consecuencia (ou non) de accidentes. Basta recordar o sucedido cando reventou a balsa de residuos mineiros de Aznalcóllar: durante moitos anos intentouse levantar o “velo societario”, é dicir, responsabilizar a empresa matriz (Boliden) do accidente sucedido mentres a mina era explotada pola súa filial (Boliden Apirsa), pero case 30 anos despois aínda non se conseguíu.

Para difundir os impactos do proxecto entre a veciñanza da contorna , esta semana levaronse a cabo actos informativos en Piloño (Vila de Cruces) e en Visantoña (Santiso). Este último, organizado polo colectivo Santiso Vivo, contou ademáis coa presenza da PDRA, Plataforma en defensa da ría de Arousa, e da asociación ecoloxista ADEGA. A mina de Touro-O Pino e ALTRI son dúas caras da mesma moeda, a da grave ameaza ao territorio.

Acto Piloño (concello de Vila de Cruces)
Acto Visantoña (concello de Santiso)

Esta semana tamén nos reunimos cunha representación de parlamentarios do BNG, presididos por Ana Pontón, aos que lle transladamos a nosa inquedanza ante o proxecto presentado para a reapertura da mina. Un proxecto, no esencial, idéntico, o que procedía era a inadmisión do mesmo en aplicación da lexislación de avaliación ambiental. Ana Pontón expresou a concidencia total do Grupo Parlamentario do BNG cos posicionamentos da Plataforma, sinalando que o BNG, neste asunto mantén a a mesma posición que no 2017, que non mudou, como non mudou o proxecto. Animounos a continuar traballando na defensa dos nosos dereitos e lexítimos intereses. Estamos á espera de fixar data para unha reunión co grupo parlamentario solicialista, mentres que nin o grupo parlamentario popular, nin o mixto (Democracia Ourensana) nos responderon aínda .

Reunión cos parlamentarios do BNG encabezados por Ana Pontón

Esta semana tamén saímos a rúa, a poñer mesas informativas e facilitar a recollida de alegacións en diferentes feiras da contorna: Boiro, Vilagarcía e este domingo 19, campeando o temporal, en Padrón.

Na feira de Boiro
Na feira de Vilagarcia
Na feira de Padrón

Mobilización veciñal a fume de carozo! Achégate, infórmate e alega (alegacións dispoñibles neste enlace) , entre tod@s temos que facerlle fronte!.

Deixar un comentario