Recén rematado o prazo para alegar ao proxecto mineiro, toca continuar. Como colofón ao intenso traballo desenvolvido nas últimas semanas, o venres 31 convocamos unha concentración ás portas do Rexistro en San Caetano, de paso que entregabamos un feixe de alegacións, para reafirmar a necesidade de parar un proxecto altamente impactante para o territorio e a cidadanía, e que de ningunha maneira merece o apelativo de “estratéxico”, ese superpoder que o goberno lle otorgou para avanzar na tramitación administrativa con botas de sete leguas.

Grazas a tod@s os que puxéstedes o voso grao de area firmando unha alegación, ás moitísimas organizacións que facedes da nosa loita a vosa, e agradecemento inmenso aos veciñ@s que patearon as feiras da contorna, protagonizaron vídeos, colaboraron na elaboración de alegacións, deron charlas…un orgullo chamarvos compañeiro@s!

Seguimos! Este proxecto non favorece a xente nin o territorio, tampouco no plano económico, como demostra a evidencia do sucedido no noso pasado e o que está a suceder na nosa contorna: lonxe da riqueza prometida, as comarcas mineiras teñen un declive demográfico máis acusado e a renda dispoñible dos habitantes do territorio é inferior. Así se pon de manifesto no artigo que estes días se publicaba na prensa, no que se confrontaba a visión dunha compañeira nosa e a dunha persoa ligada ao proxecto mineiro. Convidámoste a ler ambos aquí.

Ler, informarse, e sacar conclusións é fundamental para unha cidadanía que esixe respecto, que non quere ser cautiva de promesas irrealizables e eslogáns facilóns.

E como unha imaxe vale máis que mil palabras, así loce a entrada a Touro dende estes días. Seguimos!

Deixar un comentario