Así o manifestou Ana Pontón este venres 14 na súa visita a Arinteiro
A voceira do BNG , estivo acompañada das deputadas do BNG Iria Carreira e Rosana Pérez, do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, e dos concelleiros Xan Louzao, de Touro, e Lucía Barreiro Capón e Xosé Luís Vidal Brocos, de O Pino.

Ana Pontón foi rotunda no seu posicionamento e manifestouse contraria a “unha minería propia do século XIX”, que non deixa beneficio algún no país. Así mesmo reclamou a paralización do proxecto mineiro polo enorme impacto que suporía, así, cualificou o proxecto como un “problema tanto dende o punto de vista ambiental como social”. Dende a aldea de Arinteiro, que quedaría cercada por dous enormes depósitos de resíduos mineiros, un deles de 3 quilómetros de longo por 80 metros de alto, preguntóuse se ao presidente Rueda lle gustaría ter eses enormes instalacións de resíduos ao lado da súa casa.

A visita responde ao convite que a Plataforma Mina Touro-O Pino Non lle fixo tras a reunión mantida en xaneiro. Os veciños e representantes da plataforma alí presentes transmitíronlle a inquedanza pola ameaza que significaría para as nosas vidas que o proxecto mineiro saíse adiante. Realizose un percorrido pola zona amosándolle o estado dos ríos Pucheiras e Portapego, afectados pola minería realizada nos anos 70 e 80 e nunca recuperados, a pesares de que unha empresa titular dun dereito mineiro debe rehabilitar cos seus propios medios o espazo afectado polas labores mineiras, segundo o Real Decreto 975/2009. O incumprimento desa obriga por parte da empresa pon de manifesto tamén o desleixo da Administración que nunca lle esixíu con contundencia esa restauración nestes máis de 30 anos. Lonxe diso, declara proxecto estratéxico industrial ao presentado agora en 2024, a pesares de ser esencialemente idéntico ao presentado en 2017 e denegado en 2020.,

Os veciños fixéronlle chegar a proposta de levar o asunto ante o Parlamento Europeo, ante o que sinten como unha ameaza ás súas casas, a súa saúde e modo de vida. Ao proxecto en si mesmo súmase a inquedanza que lles xera esta tramitación “express” baixo o apelativo de estratéxico industrial, o que lle facilita o trámite administrativo, mentres á veciñanza se lle recortan prazos e se lles dificulta facer valer os seus dereitos.
Agradecemos de corazón o apoio e empatía dos que fan da nosa loita a súa.

Deixar un comentario