Ante a convocatoria dunha manifestación “En defensa do noso mar e da nosa terra”, realizada pola PLATAFORMA EN DEFENSA DA RÍA DE AROUSA (PDRA) e apoiada por ULLOA VIVA e por nós, a PLATAFORMA VECIÑAL MINA TOURO O PINO NON quere facer a seguinte declaración pública:
Os proxectos de instalar a celulosa de ALTRI na Ulloa e de reabrir a mina de cobre en Touro-O Pino son a principal ameaza para a saúde, o medio ambiente, a economía agropecuaria, a pesca, o marisqueo, o turismo, o pequeno e mediano comercio e a industria máis sostible e productiva de Galicia. Non só están afectadas as comarcas directamente implicadas por estas instalacións, senón que a agresión afectará ao conxunto do país de forma moi destructiva. A comarca da Ulloa é o corazón de Galicia, de onde parte unha das principais arterias, atravesando a Conca do ULLA e levando a vida a un dos nosos pulmóns imprescindibles, como é a Ría de Arousa.
Medra a ameaza desta sombra negra ante a evidente inacción, senón complicidade, do goberno da actual Xunta de Galicia que está a favorecer a implantación destes proxectos, depredadores da riqueza natural do país, en favor de intereses económicos privados e en contra dos lexítimos intereses xerais da cidadanía galega.
Todas as galegas e galegos estamos afectados, IMOS NO MESMO BARCO, e compre que nos movilicemos e presionemos aos poderes públicos para que, simplemente, cumpran coas súas obrigas de defender e garantir a saúde, o medio ambiente limpo, o benestar, a calidade de vida e as actividades económicas limpas e sostibles, evitando que este país se convirta en terreo de mera extracción e depredación das riquezas naturales que posúe.

Porque todas e todos estamos NO MESMO BARCO, asumimos a convocatoria de PDRA e sumámonos ao chamamento a movilizarnos e asistir á MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DO NOSO MAR E DA NOSA TERRA que terá lugar o día 22 de Marzo na Pobra do Caramiñal e que sairá, por terra e por mar, ás 12 H da Estación de Autobuses.
Dende a Ulloa ata a Ría, terra, auga e aire son vida!

Deixar un comentario