Vimos de celebrar o 8 de marzo, día da muller traballadora, e cremos que paga a pena reflexionar sobre as consecuencias sociais que trae a falta de equilibrio entre as oportunidades laborais para ambos sexos.

A minería é un sector moi masculinizado, segundo a Estadística Minera de 2022, elaborada polo IGME, só o 9,6% do emprego no sector é feminino. Así, aínda que hai certa presenza feminina nos traballos administrativos,  a porcentaxe  entre o persoal de produción é ínfima.

No proxecto presentado por Cobre San Rafael, tanto no de 2017 como no que agora está en trámite, indícase unha porcentaxe de emprego feminino de ata o 20%. Unha cifra superior á media do sector que aparece reflexada tamén no Informe de sostenibilidad presentado en 2023 por Atalaya Mining: dos 482 traballadores, 96 foron mulleres, case un 20%. Aínda así, e pese a fachenda con que o presenta a empresa, non chega a alcanzar a quinta parte, o desequilibrio é notorio.


A minería é un sector que ofrece poucas oportunidades laborais as mulleres. E poucas tamén aos traballadores e traballadoras de máis de 50 anos, apenas un 20% do total segundo os datos que aporta Atalaya Mining nese mesmo informe de 2023. Miremos onde miremos, as empresas mineiras seguen ese perfil. Por exemplo, Orovalle, a empresa que explota a mina de ouro e cobre de El Valle-Boinás en Asturias (Belmonte de Miranda), informa na súa web dun 11% de emprego feminino e unha idade media de 43 anos.

É, polo tanto, un sector no que as oportunidades laborais, na súa maioría, están reservadas aos homes que non superen os 50 anos.

Esa falta de balance no acceso ao emprego trae consecuencias para as comunidades nas que se asenta un proxecto mineiro. As mulleres en idade laboral, ante a falta de oportunidades, deben buscar o seu futuro laboral fóra, e iso queda patente se analizamos as pirámides de poboación de concellos mineiros.

Se solapamos a pirámide de poboación de Carballeda de Valdeorras ou de Belmonte de Miranda co total nacional, dispoñibles na web do INE (silueta roxa do gráfico) obsérvase, dunha banda, que o importante descenso que están a sufrir os grupos máis novos, estreitando a base da pirámide, é moito máis acusado neses concellos que no total nacional. Fronte a isto, os grupos de persoas maiores son máis abondosos en ambos concellos comparado co total do país. Estas dúas características, menor natalidade e maior envellecemento da poboación, contradín contundentemente a hipotética mellora demográfica que os promotores destes proxectos repiten como un mantra.


Pero hai máis se observamos con detalle. Nestes concellos a pirámide non é simétrica en moitos dos grupos en idade laboral: é maior a porcentaxe de homes. Por exemplo, no grupo de 35 a 39 anos, fronte a porcentaxes idénticas a nivel nacional, un 3,3% de homes e mulleres desa idade, Carballeda presenta un 3,8% de homes desa idade fronte a un 2,6% de mulleres. E Belmonte un 3,2% de homes desa idade fronte a un 2,4% de mulleres. Da paridade pásase a asimetría, xa que o feito de ser a minería un sector moi masculinizado axuda a que se dea esta realidade.

Un maior éxodo de mulleres en busca de oportunidades laborais é común aos municipios pequenos e rurais: segundo un estudo do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, do que se facía eco este artigo, a poboación en idade activa entre os 30 e os 49 anos na España rural é de 111,7 homes por cada 100 mulleres. Pero sectores moi masculinizados como a minería acentúan o problema, en Carballeda de Valdeorras hai 120 homes por cada 100 mulleres nas idades comprendidas entre os 30 e os 49 anos. E en Belmonte de Miranda 138 homes por cada 100 mulleres neses grupos de idade. Ambos concellos presentan ratios de masculinidade moi superiores á media global indicada no estudo do Ministerio

Fonte: INE. Población a 1 de enero de 2022

Pola contra, agora mesmo Touro e O Pino son concellos pequenos e rurais con ratios mellores que a media indicada no estudo do Ministerio: por cada 100 mulleres entre os 30 a 49 anos habería 108 homes en Touro e 107 en o Pino neses grupos de idade, presentan poboacións máis equilibradas no reparto por sexos.

Fonte: INE. Población a 1 de enero de 2022

Diferentes estudos sitúan a falta de mulleres xoves nunha poboación como unha das características definitivas que conduce a esa poboación a padecer envellecemento e despoboación. Precisamente entre os 35 a 39 anos é a idade na que máis mulleres son nais hoxe en día. Esa falta de mulleres novas anuncia unha próxima xeración máis minguante, como se indica neste estudo:

Los analistas advierten de los efectos perversos y negativos sobre estos municipios al tratarse del grupo de edad que coincide con la franja fértil de la población femenina a corto y medio plazo. Es decir, impacta directamente en el potencial de natalidad de una región determinada y se reduce a la mínima expresión la posibilidad de un relevo generacional.

Apostamos por tecidos económicos inclusivos, con igualdade de oportunidades e sen sesgos de xénero, por todo isto tamén dicimos “Mina NON”.

Deixar un comentario