Hoxe volveu pasar: este goberno aplastou o clamor de moitísimos cidadáns e acabou coa esperanza de que houbera un resquicio de cordura e a avaliación ambiental a Altri non fora positiva. Porque o impacto para o territorio e para os seus habitantes queda de manifesto en numerosos informes. Porque o rexeitamento a unha pasteira no corazón de Galicia é un clamor social que recorre este país e que cristalizou nunha manifestación de proporcións épicas que desbordou as rúas de Compostela o pasado decembro. Non escoitaron.

As declaracións dos que agora mesmo nos gobernan sempre pasan pola manida retahíla de “respecto ao traballo dos técnicos”…como se a cousa non fora con eles… Como se o proxecto nos chovera do ceo neste país, aterrando aquí por casualidade, e non quedara máis remedio que, “se cumple”, aprobalo. Lonxe desa naturalidade impostada, o marco legal deste país mudou notoriamente nos últimos anos, de xeito que a tramitación se facilita, acurta e consecuentemente promove a fácil implantación de proxectos coma o de Altri ou a mina de Touro-O Pino.

E se así fora, se no marco legal actual un proxecto coma este prospera inevitablemente … entón é que estamos a vivir nun país sen seguridade xurídica para os seus propios habitantes. Un país no que o negocio de toda unha vida, a explotación gandeira que herdaches e modernizaches con inversión, traballo e esforzo, ou esa casa na que vives … a túa saúde e o teu modo de vida corren perigo porque alguén máis poderoso desexa ese territorio para os seus intereses.

Por que valen máis eses hipotéticos 500 postos de traballo que estima criar a pasteira que os que agora mesmo hai no territorio ou na Arousa? Por que se prima a ganancia dunha soa empresa fronte ao tecido económico local, plural e sostible? Por que os nosos recursos son postos ao seu dispor: o río para proporcionar auga e diluír a que provén xa quente e maltratada do proceso industrial, a paisaxe, o aire limpo no que impactarán fumes e partículas contaminantes, a riqueza da ría de Arousa, a paisaxe esquilmada…?

Os cidadáns temos dereito a unha boa administración, é un dereito fundamental recollido no artigo 41 da Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Nunha democracia as institucións non son un trono para os seus dirixentes, non son da súa propiedade; o que xustifica a existencia da Administración é precisamente dar servizo aos administrados. Por iso, non se poden perder os folgos en días negros coma hoxe.

Acude ás concentracións de rexeitamento convocadas nos diversos concellos da ribeira do Ulla ante esa declaración de impacto ambiental positiva. Acude á manifestación do sábado 22 na Pobra do Caramiñal. Non podemos calar nin podemos parar.

Deixar un comentario