Este sábado 22 de marzo, día da auga, ás 12 da mañá, A Pobra do Caramiñal será o epicentro dunha manifestación que por terra e por mar tratará de defender a dignidade deste recurso vital que é un ben común para todos. Como proclama a faixa que abrirá a manifestación “A auga é o noso futuro“, e como tal hai que preservalo e defendelo de proxectos que pretenden apropiarse del e maltratalo como o de Altri ou a mina de Touro -O Pino.

Para os aspectos organizativos aquí, na páxina da organización convocante, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), podes atopar información actualizada. Trata de compartir vehículo ou, no seu defecto, de usar autobuses que partan da túa zona, hai unha boa recopilación aquí, aquí e aquí

A manifestación por terra partirá ás 12 da explanada do porto comercial, diante da Lonxa (Confraría da Pobra do Caramiñal) e continuará pola beiramar ata diante do palco, ubicado no aparcamento de buses que está pegado ao mar, á beira da rampa de Chicolino, por detrás do Centro Sociocomunitario. Esta ubicación permite o contacto visual da sociedade que exerce o seu dereito fundamental á manifestación cos aproximadamente 500 barcos que farán o propio por vía marítima.

Van guiar o acto final Isabel Risco, Carlos Blanco e Quico Cadaval. Haberá actuación musicais de Zeltia e un grupo de músicos (Mini, Allegue, Constenla e Piñeiro). A lectura do manifesto farase entre tres mulleres, en representación da PDRA, da Plataforma veciñal Mina de Touro-o Pino NON e da Plataforma Ulloa Viva, unha mariscadora e dúas gandeiras das zonas afectadas.

Opoñerse a proxectos como o de Altri non é unha cuestión de ideoloxía senón de sentido común. Esta mesma semana unha persoa que ata fai un mes ostentaba un alto cargo no goberno galego facíase eco do impacto “sen precedentes” e “irreversible” que Altri traería consigo (podes ler o artigo completo aquí ou aquí). Cabe recordar que Altri consumiría ata 46 millóns de litros diarios do encoro de Portodemouros e devolvería logo unha parte quente e maltratada polo proceso químico a ese mesmo encoro. O mesmo pode dicirse do consumo de auga, das drenaxes acedas e da mobilización de metais pesados que trae consigo unha mina a ceo aberto coma a que pretende reactivarse en Touro- O Pino.

Acompáñanos! Sen auga non hai futuro

Deixar un comentario