Por unha vez non paga a pena que contemos como foi a manifestación do 22 de marzo na Pobra do Caramiñal porque xa o fixeron os medios de comunicación. Dende cadeas de televisión, a prensa escrita de tódalas cores recolleron a resposta masiva á convocatoria efectuada pola PDRA e apoiada pola Plataforma Ulloa Viva e pola nosa.
A estas alturas só podemos engadir como a vivimos nós: aparte de masiva, foi emocionante.



Que nun día frío e chuvioso de marzo miles de persoas puxeran rumbo a esa vila costeira, para amosar a repulsa a dous proxectos industriais que ameazan de cheo o máis valioso que temos, a auga, só se pode calificar como emocionante e esperanzador. É unha lección de orgullo e dignidade que sabendo do atasco que se ía formar para entrar na vila, da choiva que ían ter que soportar, esas miles de persoas prestaran o seu tempo, a súa presencia e a súa voz para berrar alto e claro “Altri non” e “Mina non”. A xente rexeita proxectos industriais que para desenvolverse precisan arrasar co modo de vida de moitas persoas das comarcas afectadas ou da Arousa, que a cambio duns postos de traballo, e dun suposto “progreso”, consumen unha inxente cantidade de recursos naturais. Proxectos que de “estratéxicos” só teñen esa etiqueta que lles permite transitar máis cómodamente a súa andaina administativa.



E emocionante atopar empatía e oír resoar nos berros de tantos, a loita propia. Sobre todo porque son loitas que comezaron sendo locais, un David contra Goliat, unha plataforma veciñal contra un proxecto co goberno de cara e promovido por unha multinacional disposta a amortecer con cartos, patrocinios, e publireportaxes a toda páxina calquera intento de contestación social. Mesmo as veces con churrasco de balde e gran orquesta. Máis por ser local non é singular, senón un modus operandi que se repite nestes e, por desgraza, noutros puntos do país, polo que compre, máis que nunca, unha resposta unida.
As imaxes das miles de persoas caminando a beira do mar, e os centos de barcos ateigando a enseada da Pobra son difíciles de esquecer e atesouran en si mesmas beleza e dignidade, a solidariedade entre o mar e a terra que conecta coas raíces máis profundas dese país.
Dende a Ulloa ata a Ría, terra, auga e aire son vida! Seguimos!



Deixar un comentario