A asociación ecoloxista Adega ven de lanzar unha campaña de micromecenado, Xustiza para o Ulla, a fin de reunir os fondos necesarios para a defensa xurídica do Ulla e da ría de Arousa ante as ameazas da instalación de Altri ou a reapertura da mina cobre de Touro-O Pino. Podes atopar toda a información e facer a túa doazón a través da páxina web da campaña: https://adega.helpbysc.com/xustizaulla

A asociación ecoloxista entende que a contenda xudicial contra ambos proxectos, Altri e mina, é inevitable, e esta campaña de micromecenado permitirá facerlle fronte da mellor maneira posible. O reto de recadación inicial, Altri NON“, destinado a loitar no plano xurídico contra a Autorización Ambiental Integrada de Altri, así como a petición de que se arquive o expediente de concesión de augas, precisa recadar 39.100 euros. Malia que se marcou de prazo ata o 28 de xuño, en poucos días o reto está a piques de conseguirse, e nestes momentos xa se recadaron máis de 29.000 euros!. Non obstante, e segundo indica Adega, “iranse activando novos retos conforme a Xunta vaia anunciando as distintas resolucións administrativas recorribles“. Así, cando a finais de marzo presentaron a campaña estimaban nuns 100.000 euros o custo total de emprender accións xudiciais en ambos casos (podes lelo aquí)

Ademáis agora mesmo está tamén en activo un “Fondo común Ulla”, que servirá de apoio ás outras dúas campañas específicas: frear a celulosa de Altri e impedir a reapertura da mina de Touro-O Pino. Un terceiro reto “Mina de Touro-O Pino NON”, activarase no momento en que a Xunta autorice o proxecto industrial.

Cómpre recordar que as doazóns desgravan en Facenda, no momento de facer a declaración da renda: un 80% para unha persoa física que doe ata 250 euros.

A unión fai a forza e cada euro conta: en 2023 Adega desenvolveu outra campaña de micromecenado, Ti podes paralos!, que lle permitíu acadar un fondo solidario suficiente para poder recorrer en vía xudicial contra numerosos polígonos eólicos autorizados pola Xunta (máis información aquí)

Entre tod@s podemos conseguilo!. Un gran non fai graneiro pero axuda ao compañeiro. Na medida do que poidas, súmate e doa. Grazas.

Deixar un comentario