Se presentaches alegacións ao Proxecto Cobre San Rafael durante o período legalmente estipulado é posible que estes días recibiras un requirimento da Administración para que acredites a túa condición de “persoa interesada”. Non é unha cuestión menor: o artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, recoñece unha serie de dereitos ás persoas que teñan a condición de interesadas nun procedemento administrativo: dende coñecer en calquera momento o estado da tramitación, a acceder e obter copia dos documentos contidos nel, ou a achegar documentos en calquera fase do procedemento anterior ao trámite de audiencia, entre outros. É vital, polo tanto que se nos recoñeza esa condición
O artigo 4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, regula quenes se consideran persoas interesadas no procedemento administrativo: aquelas que os seus intereses lexítimos, individuais ou colectivos, poidan resultar afectados pola resolución do procedemento. A Administración pretende facer unha interpretación restritiva desta lei, intentando circunscribir a afección dunha mina a ceo aberto ás persoas que perderían, literalmente, as súas propiedades. Se recordades, no mesmo DOG do 22 de novembro de 2024 no que saíu a exposición o proxecto se incluía unha extensísima lista de bens afectados, eso si, repleta de erros.
Non podemos permitir esa interpretación restrictiva: como queda patente na documentación presentada polos promotores do proxecto, as afeccións dun proxecto mineiro a ceo aberto que se achega as 1000 hectáreas non se circunscriben exclusivamente ao perímetro afectado, senón que o ruído e vibracións das voaduras diarias, as toneladas de pó e partículas contaminantes que se emitirán a atmosfera, as miles de toneladas de CO2 que se enviarán a atmosfera, as verteduras de augas industriais ao sistema hídrico da zona, que remata na bacía do Ulla, as enormes balsas de lodos que quedarán a perpetuidade etc…. afectarán a veciñanza moito máis aló da contorna do proxecto mineiro. Isto xera tanto perda de valor nas propiedades como perda de calidade de vida e afeccións á saúde á veciñanza, que xa se puxeron de manifesto durante o período de alegacións.
E iso sen mencionar a ocorrencia dun accidente, como a rotura dunha das enormes balsas de lodos, que poría en risco incluso bens e vidas humanas a quilómetros. Da mesma maneira que as afeccións do proxecto mineiro a ceo aberto van máis alá do perímetro exclusivamente afectado polo mesmo, as persoas que se consideren interesadas tampouco poden cinguirse en exclusiva a aquelas que posúan bens directamente afectados.
Dereitos fundamentais recollidos pola Constitución Española apoian unha interpretación máis ampla e acreditan o interese lexítimo a ostentar a condición de persoa interesada: como dereito a desfrutar dun medio ambiente adecuado para a saúde das persoas (art. 45.1) , o dereito á protección da saúde das persoas (art. 43.1), ou o dereito á vida e á integridade física e moral (art. 15) . Na mesma dirección apuntan os artigos 1 e 2.5 do Convenio de Aarhus, ratificado por España, ou o artigo 27 da Directiva 2010/75 de emisións industriais.
Compre respostar ao requerimento da Administración, tod@s somos persoas interesadas!! Tes 10 días hábiles para respostar dende que recibas a comunicación, poñemos ao teu dispor diferentes modelos:
1.- Se es unha persoa titular de bens no perímetro directamente afectados polo Proxecto mineiro podes utilizar este modelo1 para respostar ao requerimento.
2.- Se es unha persoa que reside na contorna da explotación mineira ou ten propiedades, casas, fincas ou negocios que se verían afectados polo proxecto mineiro, aínda que non estean dentro do perímetro do mesmo, podes utilizar este modelo2 para respostar ao requerimento.
3.- Se es unha persoa que non tes bens directamente afectados dentro do perímetro da explotación, nin na contorna do mesmo, podes utilizar este modelo3 para respostar ao requerimento
Descarga o modelo que corresponda, complétao cos teus datos, asínao e xa podes presentalo, ben presencialmente en calquera Rexistro: Concello, Xunta…ou ben online. Neste ultimo caso, a asociación ecoloxista Adega elaborou unha guía moi clariña de como facelo. Podes atopala aquí, (nese mesmo enlace tamén hai outros modelos de resposta ao requerimento)

Recorda descargar e entregar o teu. Tod@as somos persoas interesadas. Non nos van calar!

Deixar un comentario