Nestes días a Administración está a enviar masivamente requerimentos de emenda para que as persoas que no seu momento, fai case un ano, presentaron alegacións ao Proxecto Cobre San Rafael acrediten a súa condición de persoa interesada.
Compre respostar ao requerimento da Administración, tod@s somos persoas interesadas
Como se daba conta nesta entrada é clave que se nos recoñeza esa condición de persoas interesadas para poder seguir o proceso de tramitación. Non podemos permitir que unha aplicación restrictiva da lei nos deixe á marxe, as afeccións dun proxecto mineiro a ceo aberto van máis alá dos terreos exclusivamente afectados, o dereito a desfrutar dun medio ambiente adecuado para a saúde das persoas (art. 45.1), o dereito á protección da saúde das persoas (art. 43.1), ou o dereito á vida e á integridade física e moral (art. 15) son dereitos fundamentais recollidos pola Constitución española que sustentan esa interpretación máis ampla, xunto con outros convenios europeos ratificados por España.
Cando respostar?
Dende que recibas a túa comunicación tes 10 días hábiles.
Que respostar?
Poñemos ao teu dispor diferentes modelos, escolle o que se adapte ao teu caso:
1.- Se es unha persoa titular de bens no perímetro directamente afectados polo Proxecto mineiro podes utilizar este modelo1 para respostar ao requerimento.
2.- Se es unha persoa que reside na contorna da explotación mineira ou ten propiedades, casas, fincas ou negocios que se verían afectados polo proxecto mineiro, aínda que non estean dentro do perímetro do mesmo, podes utilizar este modelo2 para respostar ao requerimento.
3.- Se es unha persoa que non tes bens directamente afectados dentro do perímetro da explotación, nin na contorna do mesmo, podes utilizar este modelo3 para respostar ao requerimento
Tes que completar o modelo escollido cos teus datos e asinalo para poder presentalo.
Onde presentar a resposta?
Debes presentalo en calquera Rexistro, sexa persoalmente nun rexistro do Concello ou da Xunta ou ben online. Se escolles esta última opción, a asociación ecoloxista Adega elaborou unha guía moi clariña de como facelo. Podes atopala aquí, (nese mesmo enlace tamén hai outros modelos de resposta ao requerimento)


Deixar un comentario