Hai feridas ambientais que non desaparecen cando se pecha unha explotación mineira. Permanecen na paisaxe, nos solos e nas augas, ás veces durante décadas. A vella mina de cobre de Touro-O Pino é un deses casos. A súa actividade, desenvolvida entre mediados dos anos setenta e finais dos oitenta, deixou unha pegada profunda na bacía do río Ulla e nunha das especies máis senlleiras do seu ecosistema: o salmón atlántico.
Durante séculos, o salmón formou parte da identidade natural do Ulla. A súa presenza indicaba a boa saúde do río e sostivo tamén unha tradición ligada á pesca e á cultura fluvial. Hoxe, porén, a especie atópase nunha situación crítica. O declive das súas poboacións responde a múltiples factores, pero un deles destaca polas evidencias científicas que o documentan: a contaminación asociada á antiga actividade mineira.
Este estudo científico que analizou escamas de salmón capturados no Ulla entre 1951 e 2012 permitiu reconstruír máis de seis décadas de historia ambiental do río. As escamas funcionan como un rexistro químico da auga na que viviron os peixes, acumulando trazas dos elementos presentes no medio.

As conclusións do estudo son claras. Durante o período de explotación da mina, entre 1973 e 1986, produciuse un forte incremento na bioacumulación de cobre nas escamas dos salmóns. Este metal pesado, asociado á actividade extractiva, apareceu en concentracións significativamente máis altas que nas décadas anteriores e posteriores. Ao mesmo tempo, os investigadores detectaron un descenso no crecemento dos alevíns e na abundancia relativa da poboación de salmón no río. Nun río de referencia non afectado pola minería non se observaron cambios comparables.
A explicación biolóxica é coñecida. O cobre é un elemento necesario para os organismos acuáticos, pero en concentracións elevadas convértese nun tóxico que afecta ás branquias dos peixes e altera procesos fisiolóxicos fundamentais. Nos estadios máis vulnerables do ciclo vital —como o das crías— esta exposición pode reducir drasticamente a supervivencia.
As consecuencias no Ulla foron evidentes. Durante os anos de actividade da mina produciuse un descenso notable da poboación de salmón, unha caída da que a especie nunca chegou a recuperarse completamente. Os propios autores do estudo advirten de que a exposición prolongada a metais pesados pode provocar efectos duradeiros sobre poboacións xa fráxiles, dificultando a súa recuperación e mesmo situándoas ao bordo da extinción.

Mais o problema non pertence só ao pasado. A pesar de que a explotación pechou hai décadas, a contorna continúa marcada polo legado dos residuos mineiros. A falta dunha restauración ambiental efectiva reflíctese no mal estado ecolóxico doss regatos da contorna, que finalmente desembocan no sistema fluvial do Ulla. Ademais, a antiga balsa mineira segue almacenando residuos perigosos procedentes da actividade extractiva, como lembra o inventario estatal de instalacións mineiras perigosas do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o que constitúe un risco ambiental permanente cando non se garante o seu control e mantemento.
Neste contexto, varias organizacións ecoloxistas veñen de impulsar unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar medidas urxentes que eviten a desaparición do salmón galego. A iniciativa pretende mobilizar á sociedade e reclamar ás administracións unha maior protección para a especie ante o acusado descenso das súas poboacións.

Mais hai unha idea fundamental que subliñar: sen un río en boas condicións biolóxicas —con augas limpas, hábitats fluviais ben conservados e ausencia de contaminación— o futuro do salmón seguirá sendo incerto. Salvar o salmón non depende de soltar máis peixes nos ríos. Durante anos realizáronse repoboacións con exemplares criados en piscifactoría, liberados no Ulla coa esperanza de reforzar a especie. Porén, estas actuacións teñen unha eficacia moi limitada cando as condicións ecolóxicas do río non son as adecuadas. Se a calidade da auga está deteriorada ou existen contaminantes persistentes, os novos exemplares enfróntanse ás mesmas dificultades que provocaron o declive da poboación natural.

O caso do Ulla lembra unha lección que a historia ambiental repite unha e outra vez: os impactos da minería non rematan cando se pecha unha explotación, condicionan o futuro de ecosistemas e especies. O salmón do Ulla, hoxe ao bordo da desaparición, é unha das testemuñas máis claras dese legado. Ese pasado que ensombrece o salmón no Ulla é tamén unha advertencia sobre o futuro.
Pedimos a túa colaboración, difunde a alerta, súmate e asina pola protección do salmón galego

Deixar un comentario