Fai moitos anos, entre 1972 e 1986, xa tivemos unha mina de cobre a ceo aberto.
Malia que a súa explotación foi temporal, o impacto no medio resultou permanente, as xentes da contorna quedamos con:
- Enormes escombreiras.
- Balsas de lodo con produtos químicos e metais pesados.
- Drenaxes ácedas.
- Contaminación dos ríos e regatos da zona.
- Uso do espazo degradado resultante como vertedoiro, para “valorizar residuos”.
Fai máis de 30 anos que pechou aquela mina de cobre, pero a condena a morte dos ríos afectados, a paisaxe estragada, os terreos arrasados… a pegada no territorio permanece.
En todos estes anos sucedéronse as queixas e denuncias tanto da veciñanza como de asociacións: pola contaminación dos ríos, polos cheiros nauseabundos dos residuos que se tratan neses terreos degradados, polo desbordamento das balsas mineiras cando chove, etc.
Un pobo que esquece a súa historia está condenado a repetila
Queremos que saibades o que supuxeron proxectos semellantes no pasado.
Porque o 25 de agosto do 2017, unha empresa chamada Cobre San Rafael presenta un proxecto para a reapertura e ampliación da mina. Tras obter unha Declaración de impacto ambiental (DIA) negativa en xaneiro de 2020, a denegación foi confirmada nunha resolución de febreiro de 2021 da Consellería de Economía Emprego e Innovación.
En xuño de 2024 é declarado Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), a pesares de non presentar diferenzas substanciais co que xa fora denegado. O 22 de novembro de 2024 sae de novo a exposición pública, volvemos ao casilleiro de saída
Sabemos o que foi e o que pode ser. Por iso, non queremos unha mina en Touro e O Pino.
Proxectos mineiros que non teñen en conta ó medio ambiente nin ás persoas
Por iso, a veciñanza loitamos contra semellante agresión ás persoas e medio ambiente. E pedimos o teu apoio para deter esta locura.

