Neste momento, o segundo intento de Cobre San Rafael de reabrir e ampliar a mina nos nosos concellos está en exposición pública. Esta vez xa será tramitado ao abrigo da súa declaración como PIE (proxecto estratéxico industrial) acentuando aínda máis a premura nos prazos (30 hábiles para alegar). Sumado ao anterior concorren sucesivas modificacións lexislativas que foron acentuando a asimetría no trato á veciñanza respecto ás empresas que promoven estes proxectos que pretenden asentarse no seu territorio.
A veciñanza esixe que a Xunta de Galicia non autorice este proxecto
Van sete anos e seguimos loitando.
A necesidade principal é a de facer chegar a información. Un asunto que os medios de comunicación silencian demasiadas veces. Cómpre facer ver á sociedade as verdadeiras dimensións deste proxecto.
Ademais desta páxina web, e da presenza nas redes sociais, seguimos afondando no coñecemento e visibilización do problema con charlas, actos, colocación de pancartas, etc.
Pedimos axuda para que se nos escoite, non é doado romper o hermetismo do goberno e dos medios de comunicación.
Precisamos que nos des voz, que difundas esta loita para que non sexa tan desigual.
Axúdanos a berrar MINA NON!

