O sábado día 2 de xuño achegámonos á Praza de Abastos de Santiago para apoiar a colocación, neste lugar tan principal da cidade compostelá, dunha pancarta na que se pode ler un texto en solidaridade coa nosa loita.
A mensaxe di o seguinte, que recollemos aquí:
Produtos da Praza: das nosas terras e rías. Non permitamos que os vertidos contaminantes os fagan desaparecer. Solidaridade coa plataforma veciñal Mina Touro – O Pino NON
Para nós, a Praza de Abastos é un lugar especial pola empatía e solidaridade que recibimos tanto da Dirección como dos praceiros e praceiras.
O dese día é un xesto máis polo que temos que estarlle agradecidos. Os nosos concellos pertencen a unha comarca, a de Arzúa, moi vinculada ao sector primario, xa que este sector aporta máis da cuarta parte da riqueza creada (26% do PIB comarcal, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, un dato que case quintuplica ao galego).
Ademáis, as afiliacións á Seguridade Social no sector primario supoñen case un 20% do total de afiliados dos residentes na comarca, un valor que triplica a media galega.
Ambos datos dan idea da importancia e vitalidade deste sector na comarca.
E se sae adiante o proxecto mineiro?
Suporía un grave risco para o modo de vida dos veciños, para a súa calidade de vida e a do medio ambiente que os rodea.
E este risco non se limita ao entorno máis próximo, senón que se cerne augas abaixo sobre a riqueza marisqueira da ría de Arousa.
Historicamente, os concellos da contorna de Santiago constitúen a despensa natural da cidade, e a venda destes produtos de calidade e proximidade ven estando tradicionalmente ligada á Praza de Abastos.
A calidade dos nosos produtos da terra e do mar é un tesouro que está por riba de toda discusión. É a razón de ser de lugares como A Praza e tamén o modo de vida de moitos dos nosos veciños.
Non debemos permitir que se poña en risco.
Categorías:mina touro o pino non