Dende a plataforma non paramos de loitar contra a mina. Neste caso, puxemos rumbo a Compostela para falar e expoñer as nosas circunstancias cos grupos políticos do Concello de Santiago de Compostela.
As reunións tiveron lugar con membros da actual corporación municipal tras as últimas eleccións municipais, coa concelleira de medioambiente Mila Castro e a de urbanismo Mercedes Rosón.
Reunímonos cos grupos políticos do Concello de Santiago de Compostela
Aproveitando a súa presenza en Compostela, tamén se fixo chegar a nosa loita á Ministra de Industria, Comercio e Turismo Reyes Maroto.


Falamos tamén cos representantes dos grupos parlamentarios da oposición: Martiño Noriega de Compostela aberta e con Goretti Sanmartín do BNG.
Confiamos en que o PP atenda a nosa solicitude de reunión nos vindeiros días. Se fose o caso, informaremos, claro.


A todos eles lles agradecemos o seu tempo e interese pola nosa causa, e a todos se lles fixo chegar de primeira man as afeccións do proxecto.
Un problema máis aló da política
O proxecto para a reapertura e ampliación da mina de cobre a ceo aberto nos nosos concellos, presentado o 25 de agosto de 2017 pola empresa Cobre San Rafael, e do que, polo tanto, están a piques de cumprirse os dous anos en tramitación
Neste tempo distintos informes elaborados por departamentos da Xunta e por outros organismos e expertos puxeron de relevo notorias eivas, carencias na documentación e impactos, de saír adiante, tería na saúde, no medio natural, no patrimonio e no medio socioeconómico.
Un proxecto que tampouco goza de aceptación social, e foron moitos concellos tanto da contorna como ata a desembocadura do Ulla, na Ría de Arousa, que se posicionaron en contra do mesmo.
Entre eles está o de Santiago de Compostela, no pleno do 21 de decembro de 2017. Daquela votaron en contra os grupos políticos municipais Compostela Aberta, BNG e PSOE e abstívose o PP.
Tanto na anterior lexislatura coma nesta, os tres grupos que se posicionaron en contra representan a unha porcentaxe moi maioritaria da poboación compostelá.
Dous anos en tramitación, notorias eivas e afeccións, rexeitamento social….e a Xunta aínda non resolveu negativamente?
Precisamos que a nosa voz se escoite
Esa empatía e solidaridade da cidade de Santiago e as súas xentes coa nosa loita púxose de manifesto en moitas ocasións, dende a acollida á manifestación do 10 de xuño do ano pasado, que logrou encher o Obradoiro, ás pancartas que locen na entrada da Alameda e na Praza de Abastos, e a recordan cada día.
Seguimos precisando que a nosa voz se escoite, visibilidade para esta loita.

Así que aproveitando a presenza na cidade da Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, fixémoslle chegar, moi brevemente, a nosa causa.
A nosa gratitude a todos aqueles, cidadáns, políticos… que nos escoitades e vos facedes eco desta tolemia.
Categorías:mina touro o pino non