A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON denuncia: a mina consumiría millóns de litros de auga en Concellos con restriccións


As consecuencias do cambio climático fanse notar de xeito cotiá.

“Xa non chove como antes”

É una frase que se escoita continuamente. Novamente este ano anunciábanse no Concello de Touro restricións no consumo de auga.

Este concello, xunto co de O Pino, teñen sobre a súas cabezas a ameaza da apertura dunha megamina de cobre, que suporía unha importante presión sobre os caudais dos rios que abastecen á poboación.

Neste contexto é imprescindible chamar a atención sobre o que suporía esta nova demanda de millóns de litros de auga, sobre o caudal dos ríos e sobre o acceso á auga de todos os veciños e veciñas.

Situación dalgunhas das captacións de auga que serán eliminadas polo proxecto

Dificultades para garantir o abastecemento de auga para o consumo

O pasado día 6 de setembro o Alcalde de Touro alertaba á poboación de dificultades para garantir o abastecemento de auga para o consumo, o que podería chegar a provocar cortes no subministro.

Para evitar esta consecuencia indeseable prohibíase a través dun bando a utilización da auga para o “rego de hortas e xardíns, lavado de autos e calquer outro uso distinto do doméstico” apelando ao interese xeral para xustificar dita prohibición.

No 2017 toda Galicia estivo xa en alerta durante 15 meses por baixos recursos hídricos. A propia Xunta advirte que estes episodios se repetirán como consecuencia do cambio climático, e tamén en Touro se sufriron restricións no mesmo senso.

As secas prolongadas, a suba de temperaturas, a prolongación dos veráns… son fenómenos cada vez máis comúns en Galicia

Numerosos informes de organismos internacionais como a ONU co informe do IPCC, ou o da Axencia Europea de Medio Ambiente, indican que se non modificamos o noso modo de vida non seremos quen de parar as consecuencias mais graves deste proceso, que se está indo das mans e que pode afectar á vida en todo o planeta.

Galicia é unha das CCAA nas que se observa unha maior diminución de choivas no período 1981-2018, manténdose a mesma tendencia para 2050.

Informe sobre precipitacións en España do Observatorio de Sostenibilidad,

Neste escenario de baixada de precipitacións e suba de temperaturas, a veciñanza de Touro, a de O Pino e a doutros concellos da contorna están á espera de que a Xunta emita a Declaración de Impacto Ambiental sobre o proxecto de reapertura da mina de cobre, convertida desta vez nunha megamina de ata 689 Has, que se achega ata os arredores de Santiago.

Se atendemos unicamente ao impacto deste proxecto sobre as augas destinadas a satisfacer as necesidades básicas cotiás das persoas, son moi preocupantes os datos que, sobre o seu consumo, vai supor a posta en marcha deste proxecto.

Auga para persoas, ou para as minas?

As necesidades de auga para os distintos usos desta explotación mineira (planta de tratamento, regos, consumo humano e outros), están previstos para dous escenarios de precipitacións, altas e medias.

“Inexplicablemente”, a empresa non propón unha previsión do impacto nos recursos hídricos no escenario mais desfavorable, o de baixas precipitacións.

No peor escenario que contempla, o de precipitacións medias, as necesidades de auga acadan unhas proporciones estratosféricas cun promedio de 2,35Hm3/ano, 6.438m3/día. Estas cantidades aumentarían aínda máis se traballase coa hipótese de períodos de seca posto que a escaseza de choivas faría aumentar o consumo de auga para rega, necesaria para manter baixo control o po en suspensión.

Engádese ó anterior que os movementos de terra, a construción de entulleiras, cortas e depósitos de estériles … van xerar tamén a destrución dunhas 20 captacións veciñais e mananciais, que abastecen a mais de 400 persoas en Touro e 450 no Pino, eliminando así un caudal mínimo de 150m3 nestes dous concellos.

Seca e aumento da demanda de auga

Para responder a esta maior demanda de consumo de agua tanto da propia actividade mineira como da veciñanza, que ve eliminadas a súas captacións e mananciais, a empresa promotora da Mina de Touro o Pino propón aumentar a rede de abastecemento municipal de augas con novas captacións no rio Lañas para Touro e no Tambre para O Pino.

Sen embargo, o consumo previsto de 0,074m³/seg. superaría ao caudal do río Lañas nas épocas de estío calculado, que segundo Augas de Galicia ten un mínimo (excluído o caudal ecolóxico mínimo) de 0,037m³ /seg.

Esta “solución” é dende logo a mais barata para a empresa pois traslada aos concellos e finalmente á propia cidadanía as consecuencias dos problemas xerados por ela, poñendo en risco non só a terra e a súa sostenibilidade senon tamén o abastecemento dun ben principal como é a auga.

Como consecuencia disto, nas épocas de seca vaise por en risco o subministro de auga para fogares e explotacións agro-gandeiras ao coincidir as captacións de auga para a actividade mineira e para o concello de Touro no mesmo punto do río Lañas.

Fronte a esta situación dende a Plataforma veciñal Mina Touro O Pino NON protesta

Sentímonos na obriga de chamar a atención e poñer o foco nos enormes riscos aos que nos aboca este insensato proxecto mineiro.

Neste momento, no Concello de Touro temos prohibicións de empregar a auga para certos usos. Polo de agora non está aberta a mina e non se eliminaron captacións e mananciais.

O bando municipal de restrición nos usos da auga suscita moitos interrogantes, como que podería pasar nun futuro si a mina abrira e ata que punto estaría garantido ou abastecemento de auga para a veciñanza nesa situación.

É importante que a sensatez, a mirada longa e a procura do interese xeral – do que é común a todos e todas – goberne as decisións dos que nos representan, porque hai moito en xogo.

Non se pode limitar o consumo da auga aos veciños e ao mesmo tempo non posicionarse contra un proxecto mineiro que vai supor, entre outros moitos riscos, un incremento no consumo de auga de millóns de litros mais. Xa está ben de soplar e sorber.

Categorías:mina touro o pino nonEtiquetas: ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s