Vai para dous anos, que o presidente Rueda, anunciaba que Altri sería declarado como proxecto industrial estratéxico. Dous anos despois, paga a pena botarlle unha ollada a aquela nota de prensa. Naquel Nadal de 2022 un Rueda, sorrinte anuncia unha “fábrica de fibras textiles”, unha “iniciativa única en toda Europa” que prevé producir ata 200.000 toneladas anuais de lyocell, unha “fibra celulósica sustentable”…
Que bonito todo… daquela “lyocell” para a maioría de nós era unha palabra noviña a estrear, que soaba tan ben…”son máis ecolóxicas que as fibras artificiais”, apontaba o presidente na nota de prensa. Bio, eco, sustentable….unha marabilla.
Nin unha palabra das 400.000 toneladas de pasta de papel que tamén ían no combo. Porque “pasta de papel” soa a pasteira cheirenta e contaminante, e xa está impregnada os miolos dos galeg@s, porque leva demasiado tempo fumegando entre nós.
Nin unha palabra da auga que consumiría, nin da que devolvería ao Ulla, quente e maltratada tras o proceso industrial, nin do impacto no territorio no que se asentaría, nin das emisións que botaría a atmósfera a súa gran chimenea…nin unha palabra de todo o importante, do que como pobo nos afecta.

Calar e agochar e desviar foco cara outra cousa e ir mudando o que sexa preciso ….
Porque así como os seres vivos precisamos dun determinado ecosistema para poder vivir, e non hai osos polares na sabana nin leóns no Ártico, os proxectos industriais coma este precisan un “ecosistema” legal a medida para prosperar. E fóronllelo construíndo: acurtando prazos disque para “desburocratizar”. Dándolle entón un mes a veciñanza afectada para ler miles de folios, e entregar unhas alegacións dos impactos que aquelo ten no seu modo de vida, no medio ambiente e no país que habita. Ou falando de “servizos ecosistémicos” que deben ser “compensados” cando se implanta un proxecto destes. Como se o medio no que vivimos fose un enorme escaparate e de cada elemento colgara unha etiqueta co prezo, para que cando unha empresa destas pete a nosa porta cun proxecto destes nos poidera dicir:
Ola, son unha multinacional cun proxecto contaminante e para instalalo no teu pobo preciso comprar os seguintes “servizos ecosistémicos”: o teu aire limpo que respiras, a auga do río, o medio no que vives, a paisaxe que ves pola fiestra cada día cando te levantas…Voucho “compensar” creando uns postos de traballo, traendo a mellor orquestra para a festa do patrón e organizando algunha paparota …
O emprego sempre como escudo, o emprego avaliado como impacto ambiental positivo… non é unha ironía, é parte dese “ecosistema legal” que foron armando para facilitar estes proxectos
Pero non se pode calar a todos, todo o tempo. Hoxe milleiros de persoas berramos alto e claro “Altri Non” nun día histórico nas rúas de Compostela.
Precisamos que nos axudes a berrar tamén “Mina Non”. Infórmate e alega, tes a túa disposición un modelo de alegacións neste enlace.

Deixar un comentario