O proxecto mineiro de Cobre San Rafael non goza de aceptación social, demostrámolo sobradamente en moitas ocasións, con 26.000 sinaturas recollidas a pé de rúa, 70.000 telemáticamente, cunha manifestación-tratorada en Touro e coa manifestación celebrada en xuño de 2018 en Santiago de Compostela.


A comunidade, no sentido máis amplo, non acepta o proxecto mineiro. A empresa non ten esa “licencia social” que persegue para o proxecto, e que busca, por exemplo, “comprando” vontades con patrocinios deportivos.
Dentro desa estratexia de marketing incluso elexíu un nome ben rimbombante para o seu proxecto de responsabilidade social corporativa (TERRAS=Transparencia, Ética y Responsabilidad Real Ambiental y Social) no que afirma:
Os beneficiarios de “TERRAS” serán os veciños e veciñas de Touro e O Pino; os colectivos sociais en risco de exclusión da comarca de Arzúa e Santiago; os actores vinculados ao río Ulla, e a sociedade galega en xeral.
Mirando o seguinte mapa, queda patente que os concellos das marxes do Ulla, entre outros, non se deixan engaiolar por esmolas e cantos de serea. Acadamos o apoio de 45 concellos de todas as cores políticas que aprobaron mocións de rexeitamento, tanto da nosa contorna como augas abaixo ata a desembocadura deste río na Ría de Arousa. O último concello en mostrarnos a súa axuda foi o de Dodro. Benvido!
Dúas deputacións, a de Coruña e a de Pontevedra, tamén se mostraron en contra dese proxecto.

Todos estos apoios dannos folgos para seguir loitando, milleiros de grazas a todos!!!
Categorías:mina touro o pino non