Para vender un produto, primeiro hai que crear a necesidade del.
Bombardear á sociedade cun relato no que se presenta a comarca asolagada polo paro e o declive demográfico (“crear a necesidade”), para ofrecer automáticamente a solución: a mina, o proxecto mineiro-industrial (o “produto” que venden). Repetir machaconamente o slogan dende os medios de comunicación afíns ou contratar “vendedores” que vocean a mercancía dende as redes sociais.
Preséntase a Huelva como un referente en canto a emprego cando na realidade ten unhas taxas de paro das máis altas do país, que chegan a duplicar as de aquí, víamolo na entrada anterior.
Organízanse excursións para coñercer supostas restauracións idílicas en Asturias, como a da mina de ouro de El Valle-Boinás en Asturias, cando na realidade esa mina só se explotou a ceo aberto uns poucos anos!!. Foi entre o 1998-2006, cando Alberto Lavandeira estaba en Río Narcea Gold Mines, a empresa que levou a cabo a explotación, e que rematou con certa polémica, segundo recollía a prensa do momento). Foi logo vendida a Kimbauri-Orvana (Orovalle é o nome co que opera agora), quen reanudou en 2010 a explotación en galería que continúa hoxe en día. O impacto ambiental e paisaxístico non é en absoluto comparable.
(Iso non quere dicir que non presente problemas, como os derrubamentos na balsa de fai uns días ou as denuncias por contaminación, pero dubidamos que os inclúan no “tour”)
Afírmase que a mina é a oportunidade que a nosa comarca non pode deixar escapar, a solución ao paro e ao declive demográfico. Ven de vello, xa no anexo socioeconómico do Proyecto Touro presentado en 2017 indicábase :
“La experiencia de otros municipios mineros, como el de Belmonte (Asturias), muestra que para revertir esta pérdida demográfica, solamente la fijación de la población en edad fértil o la atracción de inmigrantes puede poner freno a esta sangría demográfica”.
Proyecto Touro (2017). Anexo socioeconómico
Presentado desta maneira dán a idea de que alí conseguiron fixar poboación e reverter a perda demográfica, (logo é cuestión de “copiar o “modelo de éxito” aquí). É certo?
Vexamos a evolución de Belmonte de Miranda xunto cos seus concellos limítrofes Salas e Tineo, dende que comezou a explotación mineira a finais dos anos 90.
Se representamos a serie de datos correspondente ós empregos no sector industrial radicados no concello de Belmonte de Miranda (liña azul), vemos que aumentan nos períodos nos que a mina está aberta( 2000-2006 e 2010 en adiante). Esta creación de emprego no sector industrial do concello levaríanos a pensar que o paro do concello prácticamente desaparecería...
Non é certo: fixádevos no número de parados do concello (a liña roxa), permanece prácticamente inmutable!!
Podemos pensar que tal vez o proxecto mineiro se nutre dos parados dos municipios colindantes, diminuindo o paro da“comarca”…

Non é certo: nos tres concellos o número de parados é similar antes da apertura da mina, cando a mina está funcionando, e cando pecha en 2006. Só aumenta coa crise do 2008 e, aínda que a mina volve abrir en 2010, os concellos sofren de forma importante esa crise. O número de parados non recupera os valores previos ata 2015, e neses valores continúa nos últimos anos.
Qué hai da contratación local e de proximidade que tanto pregonan as mineiras?
Á vista dos datos anteriores parece que pouco, e así o recolle a prensa local tamén

Se, como indica o titular do xornal, a mineira está traendo xente de fóra, tal vez se asente na comarca, revertendo así o declive demográfico, a despoboación.
Non é certo. Analizando a evolución da poboación nestes vinte e poucos anos, vemos que o declive demográfico continúa, non se amortigua, nin no concello epicentro da explotación mineira, nin nos concellos veciños da comarca. Belmonte perdeu o 40% da súa poboación dende que comezou a mina, e os outros dous concellos máis do 30%.

Apelamos aos cidadáns a facer unha lectura crítica da información que lles chega, a non deixarse enganar polo slogan facilón dos que queren volver encher “as nosas corredoiras de nenos” abrindo unha mina a ceo aberto. É falso. As políticas de natalidade de fai máis de 40 anos, nos últimos coletazos do baby-boom, eran as que enchían as nosas corredoiras (e as de todo o país), esa non é a sociedade de hoxe.
O reto demográfico e a creación de emprego son temas capitais para a sociedade, hai que ter moi pouco pudor e falta de escrúpulos para manipulalo dese xeito, no propio proveito.
Vivimos na sociedade da información pero é moi fácil estar desinformados.
Categorías:mina touro o pino non