Dezanove anos separan estas dúas novas publicadas no mesmo xornal: en febreiro de 2003 a prensa recollía un plan “da Universidade”,de Felipe Macías, que prometía recuperar os ríos na contorna da vella mina de Touro, cunha inversión de 1.8 millóns de euros. A proposta de Macías pasaba por aplicar aos terreos un “tecnosolo”, fabricado a partires de refugallos, para tentar reducir a acidez das augas que saían da vella mina.

Esa “restauración” baseada na “valorización de resíduos” supuxo unha perda de calidade de vida para os veciños, mentras nacía un inmenso negocio, que dou lugar a novas empresas no grupo empresarial (como TEN, Tratamientos Ecológicos del Noroeste), que xestionan (e cobran por elo), miles de toneladas cada ano. Unha restauración defendida con ahínco todos estes anos: “verde”, “circular”, “sostible”… que se lle quixo meter a sociedade polos ollos a través de numerosos publireportaxes, novas na prensa, visitas guiadas aos terreos…
Sen embargo, a “excelencia” da restauración baseada en tecnosolos só era tal sobre o papel: calquera pode comprobar o estado dos ríos da contorna da mina con mirar para eles, e as analíticas, como estas de Adega baseadas nos datos de Augas de Galicia, poñen negro sobre branco o seu deterioro.

Unha realidade coñecida tamén pola Administración. Así, no Plan Hidrolóxico Demarcacion Hidrográfica de Galicia-Costa 2015-2021, un dos ríos da contorna da mina de Touro, o Lañas (convertido en río “Lanas” nese documento), presenta unha valoración do estado total “peor que bó”. Indícase ademáis que é un dos tres ríos galegos que empeoran o seu estado/potencial ecolóxico con respecto ao plan quinquenal anterior:

E así chegamos á segunda nova: Cobre San Rafael inicia as obras para restaurar as augas da antiga mina de Touro. 19 anos despois volvemos ao inicio do bucle.
Quixeramos ser crédulos e pensar que desta vez si, que desta vez vai, que os ríos deixaran de ser laranxas e estar mortos … ogallá. Quixeramos non pensar que se a “restauración” anterior trouxo os tecnosolos, o peregrinar incesante de camións con cargas pestilentes, de cheiros insoportables, de respirar aire podre, ora nunha parroquia ora noutra, a mercede da dirección do vento….igual esta trae tamén trae o seu propio monstro debaixo do brazo.
O optimismo escóase das nosas mans cando vemos que tentan vendelo a sociedade como un favor,- ”unha demanda social” din- , como se non fose a súa obriga legal!. Preséntano como unha iniciativa súa cando realmente a Administración llo leva requerindo anos. E trataron de tomar atallos, (como este proxecto temporal presentado por Explotaciones Gallegas, a socia local de Cobre San Rafael, contra o que alegamos)
Quixeramos ser optimistas, pero a reportaxe sesgada e de “amigo” na TVG, o anuncio a toda páxina no xornal... fainos pensar que é un engranaxe máis da enorme campaña mediática de greenwashing na que a empresa está inmersa antes de presentar un novo proxecto mineiro, que é como un patrocinio deportivo máis, … comprar vontades, acalar conciencias.
Categorías:mina touro o pino non