Non a mina de Touro-O Pino. Pedimos respecto, así rezaba a pancarta que fai apenas tres semanas se colgaba na entrada de Fonte Díaz en Touro . Esa pancarta fai 2 días desapareceu. Non se lle soltou unha corda e quedou tirada no chan, non, non… desapareceu literalmente, esfumouse. Como estes últimos días foron sollíos e calmos o único vento que puido derribala foi o vento da intolerancia, que arrecia ultimamente en moitos lugares do mundo e parece que tamén alcanza aos nosos concellos.

Esa pancarta é froito do traballo colaborativo e incansable daqueles veciños que levan anos opoñéndose a un proxecto mineiro nos nosos concellos, e dá voz a esa parte da sociedade local, que pide, e que merece, respecto. Portaba unha mensaxe de rexeitamento que evidentemente non casa co relato artificial que se pretende facer triunfar, segundo o cal estes son concellos en absoluto declive, esperando que o proxecto mineiro os resucite das súas cinzas, cunha comunidade local ávida deses postos de traballo para subsistir, a calquera prezo, incluso ao de tragar cunha mina de a ceo aberto a porta da casa. Un “futuro industrial sostible” lle chaman.

Lonxe diso, pedimos respecto á nosa terra e a nosa maneira de vivir: unha comunidade que se desenvolve dignamente a marxe deses grandes proxectos salvadores. E que presenta mellores indicadores demográficos e socioeconómicos que concellos similares aos nosos nos que se está desenvolvendo un proxecto mineiro agora mesmo (podes lelo aquí ou aquí). Con cifras de paro moi inferiores á media galega, derivadas do tirón agrogandeiro e do sector servizos asociado ao Camiño de Santiago, ou da súa proximidade a grandes núcleos como Santiago que os converte en atractivos para residir con calidade de vida. Concellos que teñen un enorme potencial de crecemento na industria agroalimentaria ou forestal, sen que teña que ser unha que arrase co territorio, sen empeorar a calidade de vida da xente nin o benestar do gando, sen ser un proxecto finito de 14 ou 15 anos que ameace as seguintes xeracións coas instalacións perpetuas e potencialmente contaminantes derivadas da minería. Calquera pode ver aínda hoxe en día como persiste a contaminación nos regatos e a pegada no territorio daquela que pechou a finais dos anos oitenta. Calquera pode comprobar o baleiro e a permanente crise das antigas concas mineiras.

Pedimos respecto…para algúns parece que é moito pedir. A intolerancia e a intransixencia son as que dan soporte a aqueles que defenden os seus intereses a base de silenciar aos que pensan diferente ca eles. Porque cando a debilidade dos propios argumentos non é quen de sostelos, o máis sinxelo é tratar de silenciar ao contrario, para que non resalte tanto a propia insuficiencia.

A palabra é máis forte que a espada: Mina NON!

Unha resposta a “Cando pedir respecto é moito pedir”

  1. Avatar de Miguel Ángel Lorenzo
    Miguel Ángel Lorenzo

    totalmente de acordo . Moito animo e forza !! Adiante !

    Gústame

Deixa unha resposta a Miguel Ángel Lorenzo Cancelar a resposta