Van máis de dous anos de tramitación
O 27 agosto de 2017 comezaba o período de exposición pública do “Proyecto Touro”, da man de Cobre San Rafael, para a reapertura e ampliación dunha mina abandoada e desmantelada fai máis de 30 anos.
Un proxecto presentado en pleno verán e composto dunha extensísima documentación.
Os veciños tivemos un mes para presentar alegacións a ese proxecto.
A mediados de 2018 tanto os informes sectoriais elaborados pola Xunta, como dende diversos colectivos e particulares, puxeron de manifesto as carencias e os impactos que tería o proxecto de saír adiante.
O propio Conselleiro de Economía, Francisco Conde, afirmaba daquela que o proxecto “tal como está presentado, non é viable”.
No outono de 2018, a empresa presentou unha Actualización do proxecto no que aportaba nova documentación que pretendía dar resposta ás alegacións ao proxecto inicial.
Nos documentos desa Actualización podemos comprobar que o proxecto era o mesmo, sen ningún cambio significativo, seguía sen achegar toda a documentación que lle foi requerida pola Administración, e sen aportar luz aos puntos escuros.
A Administración volveu requerirlle nova documentación á empresa, así como que solventase dúbidas que xorden ao ler tanto o proxecto inicial como a Actualización (moitas son as mesmas, que seguen sen resposta).
A empresa volve presentar en setembro de 2019 nova documentación.
Ata cando vai seguir a Xunta concedendo prórrogas á empresa?
Por qué esa enorme asimetría entre o tratamento que está a recibir a empresa e os veciños por parte da Administración ?
⦁ Un proxecto sobre o que os técnicos da Admistración tiveron dúbidas xa en dúas ocasións.
⦁ Un proxecto que non goza de aceptación social.
⦁ Promovido por unha empresa, Cobre San Rafael, que nun 90% está constituída por Explotaciones Gallegas e que acaba de recibir a súa cuarta multa medioambiental.
⦁ Incluso o Defensor del Pueblo, nun recente informe, cuestionaba a forma de proceder da Xunta no caso desta mina.
Os cidadáns temos dereito a unha Administración eficaz e imparcial que vele polos seus administrados.
Seguiremos na rúa informando, achegando á xente tanto o que significa o proxecto en si como a forma de proceder na súa tramitación.
Esiximos a denegación de Autorización ambiental ao proxecto xa.
Categorías:mina touro o pino non